![]()
|
Esta actividade desenvolveuse entre os meses de abril e maio de 2003. A escribir apréndese escribindo, cometendo erros, cambiando de lugar, usando moito tinte de borrar, de tratar de confeccionar o traxe axeitado para a historia que queremos transmitir. Un factor fundamental á hora de enfrontarse a todo ese noso universo son as múltiples lecturas que contan no noso haber, igual que un etnólogo goza dun bo viño e sabe distinguir unha textura doutra, un escritor ou escritora recoñece esa música das distintas partes que tocan as palabras e coa práctica e o traballo consigue descubrir fermosas pezas literarias. Chegamos á beira do mundo cun peto cheo de verbas que se tecen entre si para formar un texto e levamos connosco todo ese patrimonio cultural e de vida que se nos foi pegando á pel, e con eses ollos, cos ollos errantes da maxia e da sorpresa ante calquera evento trazamos migallas de ilusión, desexos, escapismos, liberacións, medos, natureza, emocións, razóns, serpes, cabalos, nomeolvides ou árbores con certa señardade de infancias afastadas e presentes na memoria. A través do taller de escrita creativa pretendimos achegarnos a esas técnicas que constitúen o armazón sobre o que se asenta o discurso narrativo e así facelas conscientes. Como somos moi xoguetóns comezamos a nosa viaxe cunha exploración fantástica ó mundo das lembranzas. Este primeiro exercicio de toma de contacto consistía en desatascar o noso músculo creativo da man dun recordo da infancia e das sensacións relacionadas con el introducindo "ruídos" (palabras ó chou seleccionadas dunha listaxe que nada tiñan que ver co que cada quen escribía e que debían de colocarse de inmediato unha vez que eu dicía "xa") cada pouco tempo que alteraban o ritmo propio da historia. O resultado foi tan variado como distintos eran as escritoras e escritores, e así a maioría deles construíron un texto fechado e integraron ben as digresións mentres que para outros a potencia dese "ruído" provocou un "deixarse ir" pola idea que navegaba diante dos ollos captando a forza do momento creativo.
A RULETA Un dos elementos que vertebraron o noso taller foi adquirir conciencia de que se pode escribir sobre calquera tema que desexemos, pero como somos limitados non sempre temos un coñecemento abraiante sobre o que queremos traballar, entón non nos queda máis opción que botar man da documentación. Documentarse é unha tarefa previa e fundamental á hora de escribir. O escritor/ora debe parecer, non sei se dicir intelixente ou qué, pero polo menos intentalo e botar man dos medios ó noso dispór. Ademais durante o tempo que compartimos transformámonos en ladróns da realidade a través dun caderno de notas. Fíxenlles esa tremenda suxestión de ir pola rúa cos ollos novos e abertos, recollendo do diario trazos físicos, modos de ser, feitos que chamasen a atención, paisaxes, avós, veciños... todo iso para meter no peto dos soños un sinfín de personaxes e situacións que relatar. Convertémonos en redactores do cotián e en buscadores de naufraxios. Os novos ollos cos que nos enfrontamos ás situacións eran moi especiais porque nos permitían ser rexoubeiros dos interiores e inventar vidas, vivir vidas, debuxar vidas.... E como bos atletas da imaxinación non podía faltar a ximnasia. Exercitar o músculo creativo aínda que só fose durante uns intres dentro da intimidade das nosas casas permitía estar aberto a novas emocións e que os nosos dedos abrisen os universos coas mínimas censuras posibles. Censurar é igual ca matar. E nós queriamos ante todo ser vividores das palabras, que as palabras tivesen consistencia e espacio propio onde choutar libres no noso espacio imaxinario de vivir por dentro ou do revés, ou en ángulo agudo, obtuso ou en circunferencia, pero libres. Para iso empregouse o espacio doméstico da cociña (cada quen nas súas casas e de maneira optativa) coa finalidade de abrir os sentidos: tacto, gusto, olfacto, oído e vista que se puxeron a funcionar ó servicio da memoria, dos arrecendos que transportan a universos que ás veces consideramos perdidos e que podemos rescatar con toda a súa forza emotiva e facer que a vida adquira unha nova dimensión ó tempo no que conseguimos estar en forma co noso un, dous, tres, arriba e abaixo particular. Poñíamonos a punto para a carreira das palabras. Como chegabamos sendo moi bos cociñeiros
había que pór a proba a nosa arte nun mundo ateigado
de receitas. Do noso taller saíron espléndidos
chefs con menús moi gorentosos capaces de facer as delicias
dos padais máis esixentes: bocados eróticos, pasta
de guerra, canapés de melancolía, antireceitas
de sis... Pero non só na cociña estaba a arte da
compostura, senón que apareceron flamantes boticarios
con antidepresivos moi especiais que de seguro non se lles dá
por ofrecer nas consultas dos máis reputados psiquiatras.
RECEITAS PARA SOÑAR Despois da sobremesa decidimos ir na procura dun lugar fantástico onde descansar. Sabendo o ben que venden nas axencias de viaxes os destinos ás illas procuramos o abeiro dun espacio só noso e gratuíto, rodeado de mar, mergulladores ás veces do absurdo nun tecido propio. Cada quen señoreou a súa liberdade en preciosos textos oceánicos e sonoros, e compartíronse praias, gaivotas, barcos, sol, salitre, montañas, horizontes, luz..... e sobre todo, esa maxia de compartir por compartir na complicidade da escrita.
TOPONIMIA Como se fose plastilina ou algo así quixemos moldear os nosos espacios, tempos e personaxes. Os tres elementos claves para que a historia funcione e démoslle a volta a moitas cousas. Pór o mundo do revés, fragmentalo, visualizalo, abrilo, namoralo, pisalo, rodealo, desabrazalo, amalo, odialo, invadilo... Decatámonos da importancia de que todo concorde: a voz dos personaxes, a contorna, o intre... e como xa tiñamos o noso caderno de notas onde fomos roubando trazos de quen nos parecía, animal, inanimal, cousa, retallo.... puxémonos ós feitos e traballamos na construcción das fichas dos nosos personaxes, sobre todo dos principais, a quen lles colocamos manías, características físicas, modos de ser, introducímolos en determinadas familias, démoslle un estilo de vida, unha formación, un mundo... e claro, iso delimitaba a maneira de reaccionar en calquera situación e espacio, o seu xeito de falar e de moverse polo seu universo literario como algo xa alleo ó escritor/a. Despois no noso particular rexistro de acontecementos démoslles o nome axeitado. Aquí non valían Pepes e Pepitas por qué si, non, aquí ata o nome tiña que ter algún tipo de significado e connotación para que calquera persoa que lese se puidese facer unha idea de ante quen estaba, cun mínimo de información.
TEXTO DE BIOGRAFÍA DE PERSONAXE E é que a información é tan importante. Seica o cuarto poder é detentado pola sociedade da información. E un quinto quizas estea a xermolar nas plataformas cidadás que denuncian os abusos dos outros poderes. ¡Uf!, ordes, xerarquías.... poder, contrapoder, información, tráfico de información, censuras, anticensuras.... ¿como un escritor vai ter as cousas claras sendo como é un traficante de información?, un manipulador nato, xogador de textos coa intención de que o texto xogue co lector. O escritor manipulador non é aquel que che di o asasino foi o curmán do cura, e velaí che fastidiou a navegación de intriga cara a un desenlace. Todo vai segundo a súa idea, e así pode agochar datos, ubicalos máis adiante, suxestionar, coa pretensión de argallar unha trama atractiva e evitar que o lector lle gañe a partida antes de tempo. Tamén comentamos as dificultades de crear un diálogo e a vital importancia de deixar fluír a voz dos personaxes. Se a información vén da boca dalgún deles moito mellor que se nola ofrece a voz narradora. Porque se o escritor/a é un manipulador, hai algún que outro tipo de voz narradora que non queda curta, sobre todo cando se usa a terceira persoa que vai polo seu camiño cunha onmisciencia que pode chegar a obnubilar a identidade dos personaxes. Cos diálogos practicamos a representación da fala en estilo directo, estilo indirecto e o estilo indirecto libre. |