Premios do V Certame de microrrelatos Lonxa Literaria
O xurado, formado por Moisés Rodríguez Barcia (tradutor e editor de Rinoceronte Editora), Xosé Manuel García Trigo (escritor) e Carlos Freire, escritor e periodista, resolveu conceder o
1º premio do V Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" a Ramón Torreiro González, de Arzúa (A Coruña), pola obra titulada "O santo de pau".
Un accésit a Roberto López Alonso, de Burela (Lugo), por "Contacto extrasensorial coa natureza"
Un accésit a Antonio Pichel Beleiro, de Pontevedra, por "P. agarda..."
O SANTO DE PAU
As croantas eran as encargadas do coidado do Santo. Tódolos anos facíanlle rogativas.
Antes de mirar raiar o sol oíase o cántico repetitivo e lento:
San Salvador, te rogamos audinos, Santa Catarina, te rogamos audinos, te rogamos audinos.
Aquel ano a seca fora tanta que as Croantas foron en procesión ao río para mollarlle os pés ao Santo (avogoso das intemperanzas atmosféricas) o derradeiro día da rogativa. O remedio operou decontado. Aínda non lle meteran os pés no río, armouse tal treboada que a iauga caía do ceo a
candas e mesmo parecía que era de noite. Casilda, a máis vella das Croantas, aínda vendo que a iauga era moita, terqueou en mollarlle os pés ao santo para que o problema quedase solucionado para tempo. Daquela a arroiada foi tan
forte que a Croanta e mailo Santo marcharon polo río abaixo. O santo era de pau e aboiaba, pero a vella Croanta foise ao fondo e afogou.
Apañaron o santo pero a ela tardaron algúns días en atopala. Fixéronlle secas ao río, puxeron trasmallos para que caese coma unha troita vella, atoárono con carros de toxo... Todo foi inútil, a vella apareceu inchada, barriga arriba, na balsa do muíño dos Caneiros. O enterro, con moitos
cregos, foi na capela. O santo presidía fachendoso o recinto sacro.
Cando xa sacaban o cadaleito para darlle terra, unha das irmás berrou:
Ai! San Salvador, San Salvador. Aquí só se salva quen nada mellor.
LECTURA E DECLAMACIÓN DE TEXTOS POÉTICOS
Homologado pola Xunta de Galicia, o curso será impartido polo poeta Anxo Angueira e terá unha duración de 10 sesións (de dúas horas). Celebrarase no Centro Sociocultural Daniel Castelao (Moaña), os mércores, das 18:00 ás 20:00 horas. Ata o 19 de novembro estará aberto o prazo de inscrición (teléfono 986 314250). O curso comezará o día 21 de novembro. A actividade ten como obxectivos facer edicións diáfanas do texto, procurar unha lectura persoal, explotar as posibilidades expresivas da propia voz, dominar os recursos da entoación, do ritmo e do silencio, coñecer as principais relacións históricas da poesía coa música e flexionar a dición segundo os principais subxéneros poéticos. Entre os contidos, un percorrido pola poesía galega desde a época medieval ata hoxe, ler e interpretar, actualización oral do texto, a voz como intrucmento, o silencio. A organización corre a cargo da Lonxa Literaria, do patrocinio encárgase a AS-PG, o concello de Moaña e a Xunta de Galicia.

O venres día 5 outubro a ás 21:00 horas no pub Oblongo (no Real) realizarase a lectura dramatizada da obra teatral "Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado" da que é autor Roberto Salgueiro González. Este acto, organizado pola Lonxa Literaria, é unha actividade paralela dos XX Circuítos Teatrais que se están a celebrar en Moaña
V Certame de microrrelatos Lonxa Literaria |
A asociación Lonxa Literaria ven de convocar o 5º Certame de Microrrelatos segundo as seguintes bases: 1º Os microrrelatos deberán estar escritos en galego normativo e cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra TOXO. 2º Cada autor/a enviará un único relato. 3º Convócase unha única categoría de participación á que se dotará dun premio de 300 euros 4º. Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dous accésits sen dotación económica. De non acadar a calidade necesaria o xurado poderá declarar o premio deserto. 5º Os traballos remitiranse en sobre sen remitente. Dentro deste deberase incluir outro sobre co título do relato no seu exterior e os datos do/a autor/a no interior. 6º Remitiranse tres copias de cada un dos microrrelatos antes do 31 de oputubro de 2007 7º O/s premio/s fallaranse antes do 15 de novembro do ano en curso. Por estas datas farase entrega do/s premios que se debe/n recoller persoalmente ou por delegación expresa. 8º A publicación do traballo premiado realizarase a través da páxina web desta asociación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro. 9º O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado. 10º O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura. Enviar a: |
IV Certame de Microrrelatos
Xurado formado por María do Cebreiro, Marta da Costa e o membro da Lonxa Literaria, Xesús Parada
1º premio
"Dúbida". Autora : Inmaculada Iglesias Fernández (Vigo)
Contáranlle que era sinxelo: facer estoura-la flor man contra man e xa estaba feito, un esquimó menos. Pero non o vía nada claro, por iso camiñaba nervioso entre os croques sobre a herba con restos de choiva, as mans metidas nos petos, ben afastadas das armas criminais que se erguían soberbias o seu redor : campaíñas violetas a primeira vista inofensivas e ata fermosas que agochaban no seu seo o poder da vida e da morte. Tal vez o Antón estaba equivocado e se rebentaba unha daquelas campaíñas non pasaría nada... total, aquilo era unha parvada, ¿cómo ía morrer un home, aínda que fora un esquimó?. Nin sequera tiña moi claro iso dos esquimós, cría que os vira algunha vez na televisión vestidos con abrigos moi gordos, rodeados de neve branca branca... igual xa se extinguiran, ¡igual nin existían! Seu pai nunca falara de esquimós, así que... faltaba pouco para que o sol o deixara só, tiña pouco tempo... De súpeto avanzou, arrancou, seleccionou e silenciou coa tremente man dereita unha fermosa campaíña; separou as mans lentamente coa mirada petrificada: ía facelo, ía facelo...
Accesits:
"O debate". Autor : Jorge García-Valenciano López (Concello de Outes)
"Familia rota". Autor : Pablo Pardavila Novas (Cangas do Morrazo)
IV Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria (2006)
1º Os microrrelatos deberán estar escritos en galego normativo e cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra CROQUE.
2º Cada autor/a enviará un único relato.
3º Convócase unha única categoría de participación á que se dotará dun premio de 300 euros.
4º Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dos accésits sen dotación económica. De non acadar a calidade necesaria o xurado poderá declaralo premio deserto.
5º Os traballos remitiranse en sobre sen remitente á LONXA LITERARIA, Centro Cultural Daniel Castelao, Quintela s/n, 36950 Moaña, Pontevedra. Dentro deste deberase incluir outro sobre co título do relato no seu exterior e os datos do/a autor/a no interior.
6º Remitiranse tres copias de cada un dos microrrelatos antes do 31 de OUTUBRO DE 2006.
7º O/s premio/s fallaranse antes do 15 de novembro do ano en curso. Por estas datas farase entrega do/s premio/s que se debe/n recoller persoalmente ou por delegación expresa.
8º A publicación do traballo premiado realizarase a través da web desta asociación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro.
9º O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado.
10º O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura
Homenaxe a María Victoria Moreno
Casa do Mar de Moaña, 28 de xaneiro de 2006
Organiza: Lonxa Literaria Xuvenil
María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941) estudou Filoloxía Románica en Madrid. En 1963 conseguiu unha praza de profesora interina no instituto Valle-Inclán, descubriu a súa vocación pola docencia, gañou as primeiras oposicións que se convocaron e estableceuse definitivamente en Galicia. Actualmente, xubilada como Catedrática de Literatura Española no Instituto Torrente Ballester de Pontevedra e casada co tamén escritor Pedro Ferriol, adícase a escribir e pescudar facetas da vida que en etapas anteriores lle estiveron vedadas polas obrigas familiares e laborais. A identificación de M.V. co noso país, coa súa cultura e coa súa fala foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e converteuno na súa lingua. A súa obra literaria goza dunha consideración que sobardou o ámbito galego, como o demostran as traduccións dos seus libros a outras linguas. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil. Entre os seus títulos máis coñecidos figuran: Mar adiante, Novísimos da poesía galega, Leonardo e os fontaneiros, Festa no faiado, O cataventos, A brétema, Literatura século XX, Anagnórise —na lista de honra do IBBY de 1990—, Prosa e verso, As linguas de España, Eu non teño medo, Guedellas de seda e liño —White Raven, do Centro Internacional de Lectura de Munich, 2002—, Amigos de mil colores ou Diario da luz e a sombra, onde fai unha aposta pola esperanza dende a súa experiencia como enferma de cancro de mama. Como os pioneiros —Carlos Casares, Paco Martín— tivo un primeiro premio de "O Facho", en 1975.[Biblioteca Virtual Galega]
Premios do III Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" 2005.
O xurado do III Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" formado por Francisco Castro, Adolfo Caamaño e Soledad Ríos, acordou outorgar o 1º Premio a Valentín Alvite Gándara, de Ames (A Coruña), pola obra "Batea". Así mesmo decidiu outorgar un 1º accésit á obra titulada "S.O.S.", da que é autor Francisco Castiñeira Romar, de Oviedo ; un 2º accésit a María Fernanda Ampuero e Pablo Vázquez Pita, de Oleiros, polo microrrelato titulado "Ben sei". O xurado estableceu, pola súa calidade literaria, catro mencións especiais a Elena Dopico Pérez, de Narón, por "Tan preto"; a Ramón Coira, de Ourense, por "A dúbida do Rei Arturo"; a Félix Cid, de Cambre, por "Unha cama no medio do mar" e a José Manuel Armesto, de Vigo, por "Meigos de carne e óso, Antón". En Moaña, 17 de novembro de 2005.
Obras premiadas:
1º Premio
BATEA
por Valentín Alvite Gándara
Eu tiña só dezaseis anos. A señora Sara, cunha bacía á cabeza, vendía peixe polas portas. Un día, enfermou e veu a filla, Ana, unha mociña que semellaba traer o mar nos seus ollos. Ese día, cunha maldade infinita, desexei que a señora Sara non curase nunca.
Pola festa de San Pedro, pedinlle a Ana para bailar unha cumbia.
"Mira como se menea... el agua en la batea"
Pero Ana tiña un problema: seu pai. Ruín e atravesado, ademáis de criar gando, vivía do máis cruel dos oficios: o de capador. Un día quedei con ela e sentamos no cuberto situado en fronte da súa casa. Era unha noite de agosto; a brisa traía un son distante de orquestra.
"Mira como se menea...el agua en la batea"
A medianoite, apagouse a luz da cociña e acendeuse a do sobrado. Agarimei a Ana e esvaramos sobre un feixe de herba alí estendido. Sentín entón, como o meu corpo comezaba a dilatarse. De repente, un berro, un brado estremecedor que fendeu o sosego da aldea ! Viña o capador ás alancadas, armado cunha galleta !
-Cálmese! Vou casar coa súa filla! -implorei, acurralado.
E a min que me dis! Estragáchesme a herba toda! Que lle dou de comer agora ás vacas?
1º Accésit
S.O.S.
por Nuberu Chegado
Francisco Castiñeira Romar
Robinson por chamarlle dalgún xeito, faille sinais a un afastado barco que pasa sobre a liña do horizonte. O primeiro navío albiscado dende que chegara, quince anos atrás. Fixo lume no máis alto penedo da illa e agora manda reflexos ó barco cun vello espello escachado, lembranza do seu propio naufraxio. Berra e non recoñece a súa voz, tantos anos sen usala, mentres axita os brazos.
Mentres o mercante avanza casi imperceptiblemente ó lonxe, Robinson recapitula a súa vivencia naquela illa. O único supervivinte do naufraxio de Eloïse, que acadou a beira daquel deserto anaco de terra verde arrodeada de mar, non sabendo se por milagre ou como condena eterna. Agora tenta lembrar a súa familia, muller, o traballo na batea, vicios e rutinas pretéritas que terá que retomar cando o rescaten. Mais só lle vén á mente que ten que revisar as trampas da fraga, recebar o tellado da cabana ou apañar leña para asa-lo peixe. Mesa a súa agreste barba. Quince anos de monacato cun único deus: sobrevivir. E cómo voltar agora a aquela vida. Aquel mundo fixérano outros ; este fixérao el coas súa máns da nada, mais xa era hora de abandonalo.
O barco, ignorante dos sinais desesperados do senlleiro náufrago, segue o seu rumbo a ningures e desaparece misturado co solpor. Robinson, por chamarlle dalgún xeito, mírase no espello escachado e atópase a si mesmo, para a súa sorpresa, salaiando de alivio.
2º Accésit
BEN SEI
por María Fernanda Ampuero e Pablo Vázquez Pita
El díxome o da batea e eu asentín, si, batea, claro que sei o que significa. Pensei na miña mamá, aló na provincia de El Oro (máis propiamente La Hojalata), Ecuador, recollendo na batea a roupa dos seus seis irmáns que luxaban coma mil para botala a lavar. Escaseza de auga pan de cada día. Meche, pon la batea para recoger el aguacero, vociferaba a miña avoa matrona que uliscaba o ambiente coma un sabuxo tralo arrecendo da choiva. Isto era no inverno. Calor e choiva. Larvas do mosquito do dengue hemorráxico que se crían nas bateas, mellor e máis rexas ca os nenos do trópico ecuatoriano. O meu tío pequeno pregáballe á miña nai que o metese nesa batea encarnada con asas amarelas. Una piscina, hazme una piscina. E ela non, que se gasta a auga e que o tanqueiro este cobra o que lle peta... Non. Daquela meterse nesa poza inventada, con roña do teito, con larvas e aliñas tornasoles. A batea-piscina dos nenos pobres. Seguro que mi ñañito tomó un poco de agua, di sempre a miña mamá e chora. Di que o bebé foi secando ata morrer enxoito el tamén coma un mosquito. Aquela batea encarnada con asas amarelas non se usou nunca máis. Por iso cando el me falou da batea eu asentín e díxenlle que si, que claro que sei o que significa.
Mención
A DÚBIDA DO REI ARTURO
por Ramón Coira Luaces
O Rei e a súa escolta irromperon a cabalo pola marxe esquerda do río, en busca do lugar onde estaba o barqueiro, que transportaba pasaxeiros, gando e mercadorías dunha beira a outra do río. Viron unha moza que recollía landras para os porcos, embaixo dun carballo e que acendeu a libido dos homes. Preguntáronlle pola batea, indicoulla e cara alí se dirixiron. O Rei ía en silencio, inmerso en cavilacións que mantiñan ofuscada a súa mente. Xenebra , a súa esposa, levaba tempo evitando os seus requirimentos amorosos. Calquera dama se sentiría honrada de proporcionarlle ao Rei os praceres carnais máis indecentes, pero Xenebra rexeitábao coas súas evasivas unha e outra vez. ¿Sería posible que -despois de todo- amase a outro home? Vivía atormentado pola dúbida e non se atrevía a preguntarllo. Chegaron xunto ao barqueiro, que descansaba indolente a carón da auga, á sombra dun ameneiro e que non os vira chegar. Un cabaleiro díxolle, alzando a voz: "¡Móvete! O Rei require os teus servizos para cruzar o río". El sobresaltouse e o Rei Arturo volveu en si.
Mención
MEIGOS DE CARNE E ÓSO, ANTÓN
por José Manuel Arnesto Cereijo
. Acostumabas crer que os teus pais eran meigos. Crías que a túa nai era meiga adiviñadora. Non necesitaba cartas nin ningún aparello para acertar con total exactitude. A túa nai dicía "Se fas iso vas caer", "Leva xersei ou terás frío", "Se segues protestando vas cobrar". E sempre acertaba. O mundo non tiña segredos para ela. Por iso fascinábate tanto, Antón. Crías que o teu pai tamén era meigo, pero non adiviñaba cousas. El era amigo de Neptuno e tiña un pacto co cal podía sacar a comida que quixese do mar. Contábache, Antón, como ía á batea e recollía todo tipo de manxares. Ti crías que a batea debía ser un portal máxico entre o noso mundo e a casa do deus mitolóxico, e con algún ritual conseguía os mellores mexillóns. Sempre quixeches ir á batea, pero o teu pai nunca che deixou por ser moi perigoso. Iso acrecentaba o teu interese. Pero entón chegou ese día. Ía mal tempo e o inconsciente de teu irmán saíu ao mar. Eu era levado polas correntes mariñas e só te vía a ti, pedíndolle a túa nai que adiviñase se morrería ou non e rogándolle ao teu pai que me salvase cun ritual. Ese día, Antón, décheste conta de que os teus pais non eran meigos. Eran persoas normais, coma ti, e coma o teu irmán que morría diante túa.
Mención
TAN PRETO
por Elena Dopico López
Nunca estiven tan preto. Se me esforzo case podo ciérralo. Outro paso e conseguirei tamén saborealo. Xa sei que saborear o éxito non é máis que unha frase feita, pero neste intre teño a certeza de que axiña o meu padal probará algo novo. Quero deixar claro que non se trata dun trunfo froito da sorte, senón do resultado de anos de duro e constante esforzo. Moitos pensan que son un fracasado só porque desprezo o meu traballo, a miña muller e o meu carácter, pero non se pode definir en función dunha enfermidade tan común. O verdadeiro problema radica en que nunca acado o que me propoño. Xamais aspirei a un mellor posto laboral, pero si tentei innumerábeis veces deixar de morderme as uñas, gañarlle a Pepe ó billar, ler O Quixote ou aprender inglés. Unha primeira vitoria mudará todo. Só teño que concentrarme.....A miña muller interrómpese e derruba os meus soños. Coma cando a tiven que levar ó hospital xusto o día no que o meu equipo gañou a súa única liga. Quero impedilo, pero ela fal: "So che falta unha palabra? Criadeiro de mexillóns de cinco letras? Que doado! É batea, home." Aliviame un pouco pensar que o xornal de mañá traerá outro encrucillado e, con el, unha nova oportunidade de trunfar. Pero quizais nunca volva estar tan preto.
Mención
UNHA CAMA NO MEDIO DO MAR
por Félix Cid Conde
Foi a primeira vez que os meus ollos viron a tristeza, eu, que non sabía que a miseria existise, que non coñecía máis cás risas de cine, as mentiras da televisión e os segredos todos da play station 2. Foi unha mañá de domingo nunha pequena vila aínda ensumida en rezos, silencios e esperanzas, moita esperanza. Tampouco sabía que significaba esa palabra. O tempo fuxira da invernía e o sol saíra de novo para acender unha derradeira candea de ilusión nas xentes da vila, unha aldea con cruceiro, cura, igrexa e cemiterio; e con Virxe, a dos Milagres Imposibles. Diante dela un neno dos meus anos suplicaba a Deus o máis imposible dos milagres. Vai para sete días que desaparedeu Manuel, o Manuel da Xeitosa. Aquela mañá o meu pai saíra no seu iate con tres amigos de finanzas. E eu con eles. Entón, ¡canta ignorancia!, un home durmía nunha cama no medio da ría. Era Manuel. Se cadra aquel día comprendín que os últimos percebes que se comeron na miña casa colléraos Manuel, que as mans da Xeitosa foron as primeiras que tocaron as últimas vieiras, e, se cadra, que o neno que choraba foi quen apañou as últimas ameixas. Pode ser ou non. Pero sei certo que a cama onde durmía Manuel non era unha cama. O mar, o bravo mar que lle quitara a vida, devolvérao defunto riba dunha batea. O mar aquela mañá tamén tivo pena.
III Concurso de Microrrelatos (Ano 2005)
A Lonxa Literaria vén de convocar o III Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria que se aterá ás seguintes caracteristicas: 1. Os microrrelatos deberán estar escritos en galego normativo e cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra BATEA. 2. Cada autor@ enviará un único relato 3. Convócase unha única categoría de participación á que se dotará dun premio de 150 €. 4. Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dous accésits sen dotación económica. De non acada-la calidade necesaria o xurado poderá declara-lo premio deserto. 5. Os traballos remitiranse en sobre sen remitente á LONXA LITERARIA, centro cultural Daniel Castelao, Quintela s/n, 36950 Moaña, Pontevedra. Dentro deste deberase incluír outro sobre co título do relato no seu exterior e os datos d@ autor@ no interior. 6. Remitiranse tres copias de cada un dos microrrelatos antes do 31 DE OUTUBRO DE 2005. 7. O/s premio/s fallaranse antes do 15 de novembro do ano en curso. Por estas datas farase entrega do/s premio/s que se debe/n recoller persoalmente ou por delegación expresa. 8. O fallo do premio e a publicación do traballo premiado realizarase a través da páxina web desta asoaciación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro. 9. O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado. 10. O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura.
Premios do II Certame de Microrrelatos ( 2004)
1º Premio, "Contrabando", de Serafín Parcero Pérez 1º Accésit, "Meniño da guerra (gusto)", de Xosé Manuel Pazos Varela 2º Accésit, "Defecto bolboreta", de Suso Bahamonde Trillo O xurado, formado por Anxos Sumai, Camilo Franco e Asun Veloso, destaca a calidade dos seguintes traballos: "O vello sen mar", de Xan Rodiño García "Área de descanso", de Manuel Ángel Menduíña Pastoriza "Tempos modernos", de Rafael Costas Costas - - -Os"Recitais" da Lonxa:
Tocando Terra
O pasado día 24 de setembro, botando man dos poetas quizá para despedir a Manuel María, ou ó verán, ou ó Cafe Teatro do Real,..., a Lonxa Literaria invítou a "Tocar Terra". Foi a partir das nove da noite no Café Teatro do Real. Recitaron: Ana Blanco, Lucía Novas, Franck Meyer, Fernán Vello, Antía Otero, Pilar Fernández., Lucía Ríos, José Curras, entre outros...
II Certame de Microrrelatos :(2004)
A Lonxa Literaria vén de convocar o II Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria que se aterá ás seguintes caracteristicas: 1. Os microrrelatos deberán estar escritos en galego normativo e cunha extensión máxima de 15 liñas a dobre espazo e cunha letra tipo Times New Roman, nº 12. No texto deberá conter necesariamente a palabra PEAXE. 2. Cada autor@ enviará un único relato 3. Convócase unha única categoría de participación á que se dotará dun premio de 150 €. 4. Se a calidade dos traballos presentados así o aconsella, nomearase un ou dous accésits sen dotación económica. De non acada-la calidade necesaria o xurado poderá declara-lo premio deserto. 5. Os traballos remitiranse en sobre sen remitente á LONXA LITERARIA, centro cultural Daniel Castelao, Quintela s/n, 36950 Moaña, Pontevedra. Dentro deste deberase incluír outro sobre co título do relato no seu exterior e os datos d@ autor@ no interior. 6. Remitiranse tres copias de cada un dos microrrelatos antes do 15 DE OUTUBRO DE 2004. 7. O/s premio/s fallaranse antes do 31 de outubro do ano en curso. Por estas datas farase entrega do/s premio/s que se debe/n recoller persoalmente ou por delegación expresa. 8. A publicación do traballo premiado realizarase a través da páxina web desta asoaciación. Non obstante, resérvase a posibilidade de publicación noutro tipo de soportes no futuro. 9. O feito de concursar supón a aceptación destas bases e a resolución do xurado. 10. O xurado do certame estará formado por dúas persoas de recoñecido prestixio do ámbito da literatura.